O Tamagotchi rexorde como aplicación para Android

venres, 15 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nos anos 90 a xaponesa Bandai conseguir sorprender a todo o mundo comercializando unha mascota virtual que podía levarse no chaveiro e que chegou a converterse nun fenómeno social, con millóns de usuarios en todo o mundo coidando do seu Tamagotchi, e agora a experiencia volve a través da aplicación para Android Tamagotchi L.i.f.e., que traslada fielmente a experiencia do Tamagotchi clásico (por algo é un produto de Namco Bandai) e ofrécese de balde, aínda que polo momento a súa descarga está limitada a EE.UU. e Canadá para dispositivos con Android 2.3 ou superior. Tamén está en preparación a versión desta aplicación para iOS.
Aínda que esta aplicación pode empregarse con grande fidelidade ao Tamagotchi orixinal, tamén é posible optar por utilizar unha versión actualizada do xogo en cor, o que resulta bastante máis agradable para a vista, sen chegar a estragar a sensación nostálxica.
Mentres este xogo non chega a España podemos lembrar que o xogo máis popular en Google Play durante os últimos é Pou, un xogo de balde que está baseado nos mesmos principios do Tamagotchi, acumulando xa millóns de descargas, e sendo compatible con practicamente todos os móbiles con Android do mercado (pois funciona incluso con Android 1.6).


Vídeo de presentación da aplicación Tamagotchi L.i.f.e

PUBLICIDADE