O Señor dos Aneis terá logo de LEGO no outono

venres, 17 de agosto do 2012 Marcus Fernández

No outono deste ano vai chegar en versións para Xbox 360, PlayStation 3, Wii e Nintendo 3DS o videoxoxogo LEGO The Lord of the Rings, do que veñen de estrear un trailer de adianto durante a celebración da Gamescom de Colonia, para que así poidamos facernos unha boa idea do que ofrecerá este título que sorprende por permitir controlar a un total de 85 personaxes, entre os que hai varios que no saíron nas adaptacións ao cine da obra de Tolkien.
A historia sitúase na Segunda Era, e ofrecerá unha recreación completa de toda Terra Media baseándose nos mapas e a información das novelas orixinais de Tolkien, de xeito que poderemos percorrer dende Rivendell ata Moria, viaxe que podemos facer a pé ou a cabalo, aínda que tamén teremos a opción de viaxar de xeito instantáneo (para os máis impacientes).
O que si tomará das películas o xogo serán os diálogos, para o que o xogo contará coas voces dos actores orixinais (como Viggo Mortensen e Orlando Bloom) detalle que aínda non sabemos como quedará na súa versión española. Vemos así que este título vai seguir a liña de LEGO Batman 2, con personaxes de LEGO que xa son quen de falar, o que failles perder parte do seu encanto, pero contribúe a narrar historias máis complexas.


Trailer do xogo estreado durante a Gamescom

Neste título de TT Games teremos 85 personaxes xogables
LEGO The Lord of the Rings permitirá explorar toda a Terra Media

PUBLICIDADE