O SIMO perde a máis da metade dos seus expositores

luns, 13 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Microsoft será unha das grandes compañías que deixará de asistir ao SIMO

Nos últimos anos foron desaparecendo distintas feiras tecnolóxicas por toda a xeografía española, e o SIMO madrileño que chega o 11 de novembro á súa 48ª edición afrontará os seus peores momentos dos últimos anos, xa que está a perder apoios do sector tecnolóxico, e contará cun 55% menos de empresas que na pasada edición, quedando só en 260 expositores, aínda que os números non son o importante nas ausencias, senón os nomes que están detrás, pois grandes empresas coma Microsoft, Toshiba, Lenovo, Fujitsu-Siemens e Philips deixarán de asistir, polo que o interese do encontro se reducirá substancialmente.
A ausencia de Microsoft estaría motivada por un cambio na estratexia de comercialización da compañía, marcada polas circunstancias económicas actuais, de xeito que procurará centrar os seus esforzos na canle de distribución; Lenovo argumenta que este ano apostou por patrocinar os Xogos Olímpicos de Pequín; Toshiba non está interesada en participar no formato actual do SIMO (que non lle permite recuperar o investimento da presenza na feira); dende Fijutsu-Siemens destacan que a Internet fai que o valor das feiras para a presentación e lanzamento de novos produtos caese considerablemente; e nas últimas horas tamén se soubo que tanto Telefónica coma Orange renuncian a estar presentes na vindeira edición do SIMO, no que parece que será o ocaso dun evento que se celebra no IFEMA e que parece que só contará con HP e Vodafone coma empresas relevantes do sector tecnolóxico.

PUBLICIDADE