O Rock Band dos Beatles con instrumentos custará 199 euros

xoves, 16 de abril do 2009 Marcus Fernández

Harmonix, MTV Games e Electronic Arts finalmente dan detalles oficiais sobre a edición especial limitada do xogo The Beatles: Rock Band, concretando que o paquete incluirá o videoxogo, un controlador coa forma dun baixo Höfner (que sería unha réplica a escala do que utilizaba Paul McCartney), unha batería da marca Ludwig como a de Rock Band 2 pero cun acabado clásico perla e cun parche de tambor vintage imitando ao dos Beatles, un micrófono con pé e contidos adicionais (detalles que xa coñeciamos) pero engadindo o prezo que terá o conxunto: 249,99 dólares nos EE.UU., 179 libras esterlinas no Reino Unido e 199 euros no resto de Europa, o que indicaría que recuperaron o siso despois da polémica política de prezos do primeiro Rock Band no seu lanzamento español.
Resulta curioso que por unha vez deixasen de aplicar a conversión 1 dólar = 1 euros, de xeito que apenas habería 11 euros de diferenza entre o prezo europeo e norteamericano do xogo atendendo ao cambio de moeda actual.
O xogo tamén destaca por ter un lanzamento mundial nas súas 3 plataformas (Xbox 360, PlayStation 3 e Wii) o vindeiro 9 de setembro, esquecendo exclusividades, aínda que deixando polo camiño á PlayStation 2 (que comezaría a perder o tren dos xogos musicais).

PUBLICIDADE