O Profesor Layton terá un xogo para móbiles

xoves, 6 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Os seareiros das aventuras do Profesor Layton poderán facer aínda máis portátiles as súas aventuras, pois dende Level 5 veñen de anunciar que, aparte do novo xogo para Nintendo 3DS que están a preparar, tamén están metidos no desenvolvemento de Layton Kyoujuu to Siki no Shichitaitou (Profesor Layton e os Sete Ladróns do Século), que manterá o estilo de quebracabezas orixinais, pero que engadirá algúns elementos sociais (os usuarios participarán no xogo cun avatar de seu e o xogo tamén contará con elementos cooperativos) dado que a plataforma na que vai comercializarse será a dos smartphones (iOS e Android).
A trama centrarase na busca de varios ladróns que están a roubar obxectos de grande importancia en Londres. Mañá abrirán o proceso de pre-rexistro para poder participar na versión de proba do xogo no Xapón.

PUBLICIDADE