O Portal de Transparencia da Xunta supera as 8.500 visitas en menos dun mes

martes, 5 de abril do 2016 Redacción

Segundo destacou hoxe a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, durante a presentación do Portal de Transparencia e Goberno Aberto no Instituto Nacional de Administración Pública, en Madrid, esta ferramenta viva e dinámica cunha vocación de mellora permanente e de fomento da participación da cidadanía nos asuntos públicos e na que se irá incorporando aquela información pública que se solicite con maior frecuencia pola cidadanía acadou as 8.556 visitas dende o 7 de marzo, cando botou a andar.
Con case 95.000 páxinas consultadas, este novo portal reafirmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía, de acordo coa nova normativa básica de transparencia e coa lei aprobada a este respecto pola Xunta.
As páxinas máis visitadas están relacionadas cos altos cargos da Xunta, as retribucións, contratación pública ou normativa en tramitación.
Durante a súa presentación, a directora xeral destacou que o Portal de Transparencia proporciona un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso, como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos.
Doutra banda, tamén incorpora contido propio e inédito, que é a primeira vez que se fai de acceso público na historia da autonomía. É o caso da relación dos bens inmobles da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese, por exemplo.

PUBLICIDADE