O Plan de Software Libre 2015 inclúe case un cento de actividades de divulgación

mércores, 13 de maio do 2015 Redacción

Hoxe formalizáronse novos pactos entre o Goberno galego e os nosos colectivos e entidades open source de cara á preparación e desenvolvemento de vindeiras actividades de promoción e impulso do software libre. Máis polo miúdo, tratouse dunha serie de convenios de colaboracións asinados entre AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e os representantes galegos do ámbito da programación aberta. Na formalización dos acordos, a titular da axencia, Mar Pereira, trasladoulles aos axentes open source as liñas de acción do Plan de Software Libre 2015, no que participan con 26 das 95 actividades previstas. Ou sexa, que as asociacións colaboran coa AMTEGA en preto da terceira parte das actividades do Plan FLOSS deste ano.
As entidades que concorren e xuntan forzas son as seguintes: o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas; a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); e as seis Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia (AGUSL), ou sexa GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa, Asociación Cultural Proxecto Trasno e XeoPesca.
Os acordos asinados, cunha dotación conxunta de 120.000 euros, permitirán a realización de actuacións que inclúen dende a elaboración de documentación, a tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros e do congreso internacional Akademy 2015 (conferencia internacional da comunidade de KDE ), o fomento da programación aberta en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a implantación e formación en ferramentas de código aberto nas Universidades ou a convocatoria da 8ª edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre. A estes acordos, explica AMTEGA, cómpre engadir os asinados recentemente pola Axencia e os colexios profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática (CPEIG e CPETIG) que tamén incorporan accións en prol do fomento do software libre.
O Plan de Acción en Software Libre 2015 recolle as 95 actuacións que durante este ano se porán en marcha para incrementar o uso e coñecemento do software libre a todos os niveis. Respecto de medidas concretas a desenvolver no seo da Administración autonómica, AMTEGA lembrou hoxe que “a Xunta vai iniciar a primeira fase de migración a software libre de 1.500 postos de traballo de empregados públicos”. Ademais, engadiu, “séguese a apostar polas ferramentas abertas en proxectos de calado para a Administración como o Arquivo Electrónico Administrativo (ARPAD) ou o sistema de rexistro único da Xunta de Galicia (AIRES) e polas políticas de reutilización de software libre con exemplos como a implantación da tramitación electrónica Wand@ ou a adaptación do sistema de notificacións electrónicas Notific@, desenvolvidas e liberadas pola Junta de Andalucía”.
Asemade, ao longo de 2015 as 98 Aulas CeMIT, que empregan o sistema operativo libre GNU/Linux, continuarán divulgando e fornecendo unha alfabetización tecnolóxica e formación en ferramentas libres e este ano reforzarmos a súa difusión a través de actividades do Plan de Voluntariado Dixital.
Este ano convocarase o VIII Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades e no que participa tamén a Asociación GPUL.
No que respecta ao impulso e fomento do Software Libre no ámbito empresarial, o Centro Demostrador TIC incorporará ao Centro Demostrador TIC Virtual dúas novas solucións libres que as PEME galegas poderán probar de balde. Está previsto ofertar a ferramenta libre CiviCRM para o terceiro sector e Odoo (antigo OpenERP) para a xestión integral de empresas.

PUBLICIDADE