O Plan de Banda Larga beneficia a máis do 80% dos veciños da comarca de Allariz-Maceda

xoves, 22 de marzo do 2012 Redacción

Rogelio Martínez, durante a súa visita

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe en Baños de Molgas o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego.
O máximo representante do Goberno galego na provincia destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas” engadindo que“o acceso á banda larga de calidade permite aos galegos extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”.
No caso de Baños de Molgas, indicou o delegado territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis 1.300 veciños que carecían de conexión a Internet, o que supón o 80 % da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra apenas chegaba ao 40% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.
O autobús do Roadshow Movistar Galicia chegou a Baños de Molgas despois de percorrer outros municipios da provincia, como Boborás, Amoeiro ou Bande, nos vindeiros días estará en Muíños e Lobeira.

PUBLICIDADE