O Plan Dixital de Centro vén cunha contía de 19 millóns de euros

mércores, 8 de setembro do 2021 S. P.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, presentaron este 8 de setembro a que sería a primeira acción da nova Estratexia Educación Dixital 2030. Trátase do Plan Dixital de Centro, dotado con 19 millóns de euros.
A dita estratexia, que vén cunha contía inicial de 120M€ para os primeiros tres anos de aplicación, é a base de traballo na que se asenta o obxectivo de “acadar a plena transformación tecnolóxica das aulas galegas nesta década”.
Rodríguez salientou que esta folla de ruta supón “un salto cualitativo” para acadar o reto do coñecemento, da innovación e da transformación tecnolóxica das aulas, xa que introduce “un cambio pedagóxico” con propostas específicas para avanzar na especialización da educación e na personalización da aprendizaxe.
Pola sua banda, Pereira destacou que “uns 55.000 alumnos de Galicia utilizan xa o libro dixital, con máis do 40% dos centros incluídos no programa EdixgaL”. E engadiu: “Os datos sitúan a Galicia na vangarda da dixitalización da educación, todos os centros da Comunidade autónoma contan con aulas virtuais e están integrados na rede de vídeo-conferencias docentes, con máis de 21.000 persoas usuarias de media e picos de ata 100.000 persoas usuarias nun día”.
A estratexia abrangue un conxunto de accións coordinadas e planificadas dirixidas ao conxunto dos membros da comunidade educativa que fan fincapé, sobre todo, na incorporación de estratexias docentes e novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.
O conselleiro lembrou que algunhas desas accións, como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o desenvolvemento de accións STEM ou a introdución da Intelixencia Artificial xa están en marcha, mentres que agora se da un paso máis co Plan Dixital de Centro e a Rede Galega de Educación Dixital.
Mobilización de 19,2M€
O Plan Dixital de Centro está enfocado á mellora da competencia dixital da comunidade educativa no seu conxunto, co fin de “sacar o máximo rendemento ao uso das tecnoloxías dixitais aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e de conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes”.
A posta en marcha deste plan implica a mobilización de 19,2M€ por parte da Xunta, que tamén leva aparellado a creación da Rede Galega de Educación Dixital, o que supón -tal e como anunciou o conselleiro Román Rodríguez- “a contratación de 80 docentes especialistas no ámbito dixital que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23”.
Ao fío disto, a Consellería publicou no seu Portal Educativo a convocatoria para seleccionar os 78 centros que participarán nesta Rede e que exercerán de mentores para o conxunto dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia. Estes 78 docentes estarán organizados en 26 equipos de atención dixital aos centros estruturados en 14 ámbitos xeográficos a razón de cinco na provincia da Coruña, dous na de Lugo, dous na de Ourense e outros cinco na de Pontevedra.
Etapas do Plan Dixital
No presente curso os centros deberán comezar coas primeiras fases de elaboración do seu propio Plan Dixital, cunha análise da situación real e de diagnose de debilidades, ameazas e fortalezas para a súa aprobación definitiva polos respectivos consellos escolares de cada centro a finais de curso e que o documento estea totalmente pechado para a súa aplicación efectiva no vindeiro curso 2022-23.
Conexión de 1Gbps en todos os centros educativos
Pereira lembrou que este curso está prevista a extensión a todos os centros educativos de Galicia a capacidade de rede de 1 Gbps. “Nos últimos cinco anos multiplicáronse por cinco os centros que dispoñen xa deste servizo de moi alta velocidade”, dixo, engadindo que “a transformación dixital da educación galega implica uns investimentos de máis de 40 millóns de euros en equipamentos para o profesorado e os ciclos formativos”.

PUBLICIDADE