O Parlamento Galego aproba o apoio á recepción das radios e televisións portuguesas en Galicia

xoves, 10 de abril do 2008 Marcus Fernández

O grupo parlamentario do BNG presentou onte unha proposición non de lei para instar ao goberno autonómico a dirixirse ao executivo central para pedir que se adopten as medidas necesarias para que en Galicia se poidan recibir as radios e televisión portuguesas no menor prazo posible.
A iniciativa foi defendida polo deputado Bieito Lobeira, que advertía do grande descoñecemento mutuo entre Galicia e Portugal, de aí que a proposición non de lei non pida só a recepción de canles portuguesas en Galicia, senón tamén que se traslade ao goberno portugués o interese galego pola «recepción en Portugal do sinal da radio e televisión galega», e que contou coa aprobación dos 3 grupos parlamentarios.
A Fundación Vía Galego manifestouse «moi satisfeita con este paso adiante» no que consideran que é unha das súas reivindicacións históricas, que actualmente xa non está limitada polas condicións técnicas, senón pola falta de vontade e iniciativa política.

PUBLICIDADE