O Observatorio da USC organiza un obradoiro sobre información astronómica de proveito na Rede

martes, 3 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Coincidindo co Ano Internacional da Astronomía, a Semana da Ciencia galega vai centrar unha boa parte do seu programa en conmemorar os esforzos desenvolvidos ao longo e ancho do planeta co obxectivo de coñecer mellor os segredos do Universo. Entre as moitas accións incluídas (nas que participa arreo o Observatorio Ramón María Aller da USC) salientamos polas súas implicacións no dixital o Obradoiro de recursos de rede e de software libre de Astronomía que organiza o dito Observatorio na Facultade de Matemáticas de Santiago. A xornada, dirixida ao público en xeral, celebrarase o día 13 de novembro en horario de 17.00 a 20.00 horas. Por certo que o obradoiro contará coa presenza de José Ángel Docobo, director do dito centro, e Pedro Pablo Campo Díaz, coordinador das actividades.
Máis polo miúdo, o obxectivo da sesión non é só achegarlle á sociedade os logros da Astronomía, senón tamén (e sobre todo) informala da cantidade de datos e recursos sobre estes e outros eidos científicos na Rede, moitos deles útiles e moitos outros (unha cantidade importante) de escaso proveito ou directamente falsos. O obradoiro achegará enderezos web onde atopar información de xeito e nocións básicas sobre o modo de emprego dos principias programas de software libre de Astronomía.

PUBLICIDADE