O Ministerio Industria presenta o programa para celebrar o Día de Internet, máis social ca nunca

venres, 9 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Fóra de Galiza, o 17 de maio tamén é festa, pero por motivos en boa medida distintos. Dito doutro xeito: aquí nós celebramos as nosas Letras, a Internet e as Telecomunicacións, e no resto do Estado céntranse na segunda e na terceira conmemoración. Enleadas aparte, o certo é que unha boa parte desa festividade tecnolóxica virá da man do institucional, e, neste senso, o Ministerio de Industria –a través das súas extremidades en liña, Red.es e Plan Avanza- semella estar situándose como un dos entes máis activos.
A listaxe de eventos é ampla e todos eles teñen un denominador común: están dirixidos ao conxunto da cidadanía para concienciar sobre a importancia de integrar culturas, linguas e persoas arredor da Sociedade da Información.
Con todo, a base común das activades programadas vai alén do devandito: todas van encamiñadas a afondar na temática proposta pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT): Conexión das persoas con discapacidade: as oportunidades das TIC para todas e todos.
Ademais, centraranse no lema lanzado pola Asociación de Usuarios de Internet (AUI): As redes sociais como eixe central do Día de Internet 2008.
Os actos celebraranse na Casa de América de Madrid (na imaxe) e desenvolveranse entre o 12 e o 17 de maio.
· Luns 12 de maio ás 11.30. Mesa redonda: Integración das culturas na Sociedade da Información. Participan: Carolina Godayol, Directora xeral de NBC Universal Global Networks España; Ismael El-Qudsi,.director de Novos Servizos de Havas Digital e Carlos Jean, compositor e produtor musical galego.
· Luns 12 de maio ás 17.00. Mesa redonda: presentación de proxectos Plan Avanza para o colectivo de inmigrantes. Preséntanse Educatur, Inmigrantes.tic e www.inmigraciondigital.es.
· Martes 13 de maio. Mesa redonda: presentación proxectos Plan Avanza para o colectivo de mulleres. Preséntanse www.romi.net (mulleres xitanas e Rede) e Esfer@, entre outras iniciativas.
· Mércores 14 de maio ás 17.00. Mesa redonda: presentación Plan Avanza para maiores e discapacitados.

PUBLICIDADE