O Leliadoura de Ribeira convida ós institutos da comarca a participar nas súas xornadas de software libre

xoves, 28 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

O IES Leliadoura de Ribeira vai acoller entre os días 10 e 13 de marzo unha serie de actividades encamiñadas a poñer o software libre ó alcance da man dos alumnos da comarca. A idea é facer fincapé nas súas vantaxes para os estudantes mentres son estudantes (os programas abertos non precisan tantos investimentos e dan máis marxe para o traballo colectivo) e para os estudantes a piques de ser traballadores ou empresarios (o software libre é unha boa oportunidade de negocio, entre outras ocusas porque a comunidade de usuarios e desenvolvedores che respalda).
As Xornadas Tecnolóxicas do IES Leliadoura desenvolveranse a cabalo do formativo e o lúdico e incluirán cursos, obradoiros, charlas, presentacións e concursos, segundo informa o propio centro e mancomun.org.
Máis polo miúdo, no programa figuran talleres sobre iniciación ó software libre con Ubuntu ou sobre material formativo dispoñible na Rede para introducírmonos no inglés (Moodle), entre outras actividades.
Sinalar que nas xornadas, que en parte xa deron comezo (malia que os días oficiais de celebración sexan os devanditos), están convidados todos os institutos da comarca de Barbanza e do Sar. Por certo que entre as partes do programa que xa están activas atopamos unha curiosa iniciativa: un certame de deseño de camisetas para seren agasalladas ós participantes nestes encontros. Na imaxe podemos ver a proposta gañadora do primeiro premio, feita por Lorena García.

PUBLICIDADE