O IV Congreso XoveTIC congrega a máis dun cento de asistentes
venres, 8 de outubro do 2021
O IV Congreso
XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da
Universidade da Coruña, congregou este xoves e venres a máis dun centenar de
asistentes en formato híbrido. Investigadores e investigadoras júnior
presentaron un total de 62 traballos no ámbito das Tecnoloxías da Información e
as Comunicacións, sendo un espazo de encontro para o debate científico e un
impulso para a súa formación.
Ademais das comunicacións orais e os pósteres presentados,
tiveron lugar dúas conferencias plenarias, a cargo da directora da Área de
Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, que explicou coa
súa charla “Tecnoloxía deseñada por e para o ser humano” como se pode aplicar a
tecnoloxía na saúde mental e axudar na prevención do suicidio. O membro do
Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do
Minho, Rui Carlos Oliveira, ofreceu a ponencia “Emergency Research: Help
fighting a pandemic”, achegando o traballo realizado coa aplicación STAYAWAY
COVID.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o
director do CITIC, Manuel F. González Penedo, clausuraron o acto tras a entrega
de premios, na que se recoñeceron os mellores traballos valorados por parte do
comité científico do XoveTIC, atendendo á súa calidade, excelencia e
orixinalidade. Cada premio está valorado cunha gratificación económica de 300
euros.
O director xeral de Imatia, Fernando Vázquez, outorgou o
premio en representación do Cluster TIC de Galicia ao traballo “SparkEC: una
herramienta Big Data para la corrección de errores en lecturas genética”,
presentado por Marco Martínez Sánchez.
Pola súa banda, o presidente do Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, fixo
entrega do premio ao traballo “Multiple-Choice Question Answering Models for
Automatic Depression Severity Estimation”, recollido por Anxo Pérez, coautor do
traballo, en representación de Jorge Gabín, quen realizou a exposición.
Seguidamente, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG),
condecorou o traballo presentado por Álvaro Michelena, “Detección de ataques de
DoS en un entorno IoT controlado por protocolo MQTT basado en clasificadores
binarios inteligentes”; entregou o galardón o director da área IT e Enxeñería
de Software do ITG, Óscar González Represas.
O traballo exposto por Aida Vidal Balea, “Collaborative
Digital Twin: a Novel Open-Source Augmented Reality Solution for Training and
Maintenance Processes in the Shipyard of the Future”, foi galardoado pola
Cátedra Aldaba WIB, a Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital e a Cátedra
R en Ciberseguridade, entregado polo decano da Facultade de Informática da UDC,
Mariano Cabrero Canosa.
Finalmente, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica,
Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín
Santos, entregou o premio da Fundación CITIC de Galicia a Alejandro Puente polo
traballo “PRACTICUM DIRECT Simulador para la toma de decisiones durante
pandemias”.
Vídeo no que podemos ver as intervencións da xornada de hoxe de XoveTIC