O ITG presentará en Santiago un software para axudar ás empresas a ser máis eficaces coa enerxía

xoves, 4 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Facer un emprego máis eficaz da enerxía nas empresas xa non é só un método de primeira orde de aforrar custos e tirar maior rendemento dos recursos, senón tamén unha obriga de tipo moral para as mesmas. A fin de contas, o consumo enerxético sen control no eido corporativo segue a ser unha das grandes causas diso que a todos nos afecta: o cambio climático. Precisamente de axudar ás compañías a saber mellor onde poñen o pé no que se refire á redución do consumo de electricidade e recursos é do que trata o software que o Instituto Tecnolóxico de Galicia presenta o vindeiros martes en Santiago, máis polo miúdo na sede que FEUGA ten no Campus Sur. A ferramenta, que será dada a coñecer no marco do acto de clausura do Proxecto Gener (A eficiencia enerxética nas empresas), foi desenvolvida sobre tecnoloxía web e software libre de xeito íntegro polo ITG, centro galego con sede na Coruña e especializado neste tipo de instrumentos informáticos de axuda para as compañías.
O encargado de presentar os segredos e vantaxes do devandito Software de Autodiagnóstico Enerxético para empresas será Santiago Rodríguez Charlón, xusto despois da intervención de Luis María López González, da Universidade da Rioxa. Polo que respecta ao resto da xornada do día 9, lembrar que xirará toda ela arredor da busca de novos vieiros para tirarlle mellor partido aos recursos cos que conta unha firma a día de hoxe. A xuntanza de presentación do Proxecto Gener (plan impulsado por nove entes e institucións de Galicia e o Norte de Portugal co gallo de impulsar nas pemes modelos de xestión eficaces no que respecta á enerxía) dará comezo ás 10 horas. O acto contará –entre outros- cos seguintes persoeiros do sector público e empresarial galego:
· Fernando Xabier Blanco Álvarez, conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
· Jose Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra CEP.
· Francisco Rodríguez García, presidente de la Confederación de Empresarios de Ourense CEO.
· Juan José Álvarez Carril, Director do Instituto Enerxético de Galicia INEGA.

PUBLICIDADE