O ITG presenta as súas tecnoloxías intelixentes perante o puxante sector da enerxía eólica mariña

venres, 10 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) puxo ao dispor do sector da eólica mariña a súa capacidade como único centro tecnolóxico galego con recoñecemento estatal de excelencia investigadora Cervera en Transición Enerxética e a súa experiencia no desenvolvemento de sistemas de control centralizado para xestionar infraestruturas de xeración enerxética renovábel mediante a dixitalización e supervisión intelixente da enerxía. Foi no marco da xornada organizada este 10 de febreiro na sede do ITG, en colaboración co Club de Derecho de Construcción y Ingeniería (CDCI).
Consistiu nun encontro profesional que reuniu aos actores máis relevantes da industria da eólica mariña nacional e internacional co obxectivo de abordar os retos técnicos, contractuais e legais deste puxante da habilitación de muíños en emprazamentos afastados da costa.
O director da División de Enerxía de ITG, Santiago Rodríguez Charlón, sinalou que “o futuro da enerxía eólica pasa polo mar e, en concreto, en augas profundas, como é o caso de España e Galicia, cun dos maiores potenciais de aproveitamento do recurso eólico”. E é que na eólica flotante “o vento é máis regular e ten unha maior velocidade con menores turbulencias, o que permite unha altura de torre menor ca a instalada en terra”, engadiu. Amais, recordou que o sector eólico mariño flotante permite chegar aos 15 megawatts de potencia xerada, respecto aos 6 que pode xerar a eólica en terra.
Tamén expuxo as capacidades do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para facer máis eficiente a eólica mariña mediante sistemas de control centralizado.
A xornada estivo organizada polo ITG e o CDCI, co patrocinio de Quantum Global Solutions, Driver Trett e Pérez-Llorca. No evento participaron Luis Velasco, director de Tramitaciones y Medioambiente en Red Eléctrica de España (REE) e Juan Rodríguez Fernández-Arroyo, director de Enerxía de INEGA da Xunta de Galicia.
Así mesmo, no transcurso da mañá tiveron lugar tres mesas redondas. Así, no panel sobre as oportunidades e desafíos técnicos para a industria participaron Ángel Fernández Rodríguez, responsábel de estratexia competitiva en Navantia Seanergies; Raúl Martín Valencia, responsábel de eólica mariña en Greenalia; Jorge Porres, director de tecnoloxía e cadea de subministros en BlueFloat Energy e Jaime Moreu, director executivo en Brezo Energy Marine Contractor.
Na mesa sobre os desafíos contractuais e regulatorios en proxectos de eólica mariña en España, moderada por Javier Sánchez, director de Diales e membro da xunta directiva do CDCI, participaron Álvaro del Palacio, managing director en Ferrovial Offshore Wind; Ana Cremades, socia en Pérez-Llorca; Roberto Bouzas Saavedra, director xeral en Nervión Naval Offshore e Pablo Alcón Valero, director offshore en Capital Energy.
A xornada finalizou cunha mesa internacional na que se expuxeron as experiencias de proxectos noutros países, moderada por Óscar Martínez, director de Quantum Global e presidente de CDCI, participaron Keith Daly, director en Quantum Energyen Reino Unido; Christian Knuetel, avogado en Hoggan Lovells (Alemaña); Timo Zinnel, director asociado en Driver Trett (Alemaña) e Ian Stout, Managing Director en Lisarb Energy (Reino Unido).