O ITG mostra ante o mundo os seus achados en uso de drons

xoves, 2 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Entre as entidades galegas que están estes días participando na gran cita referencial dos drons a nivel internacional, a feira Xponential de Chicago (EE UU), atópase o Instituto Tecnolóxico de Galicia, o ITG, que acudiu como colaborador da Xunta en Civil UAVs Initiative, o programa para converter Galicia nun prestixioso centro de innovación e desenvolvemento aeroespacial. A Chicago acudiron, polo ITG, Daniel Gutiérrez Castro, responsábel de UAS da División Sensórica & UAS de ITG e Marco A. González Fernández, responsábel de Sensórica da División Sensórica & UAS.
Na cita, compartiron os seus máis recentes avances en vehículos aéreos non tripulados e en todas as cousas que estes poden facer para mellorar a seguridade e a resposta ante emerxencias. Tamén puxeron o foco nos avances do ITG en autonomía e capacidades dos aparellos.
En termos máis concretos, mostraron os achados do instituto ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación (UMI) que leva a cabo con SDLE, centrada en dotar aos drons de maior autonomía respecto da ofrecida polas solucións comerciais actuais, permitindo voar ao aparello en escenarios civís onde as distancias son maiores e onde as operacións son máis complexas e/ou repetitivas. A tecnoloxía na que traballa ITG permitirá voos alén da liña de vista do piloto (BVLOS) e con menor necesidade de intervención humana, polo que se reducirán os custos operativos.
Segundo fixo saber o ITG, o deseño de niños de recarga intelixente e autónoma (Drone in a Box) que se está a impulsar ao abeiro da dita UMI, “permitirá aos drons operar en longas distancias ou durante períodos ininterrompidos 24x7, grazas a puntos de aterraxe, recarga e comprobación totalmente autónomos (cunha mínima intervención humana) en distintas localizacións dun percorrido específico”. O instituto tamén engadiu que os drons resultantes contan cun “avanzado sistema de telemetría”, polo que os aparellos poden achegar información en tempo real de múltiples parámetros de funcionamento (mellorando o mantemento predictivo, optimizando os custos operativos e reducindo o número de accidentes).
O ITG tamén debullou os detalles de Fastfly (para a definición, xunto con AGASINT, dun novo marco regulatorio que contemple voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo), da súa participación no proxecto europeo Domus (que ten o obxectivo de permitir a integración segura e eficiente dun gran número de aparellos aéreos non tripulados no espazo aéreo, e facer viábeis novos modelos de negocio) e da súa responsabilidade protagonista no proxecto Xestal, unha iniciativa que pon en xogo tecnoloxías que permiten ordenar os bosques e traballar con eles de maneira sustentábel mediante o seguimento a distancia: teledetección remota.

PUBLICIDADE