O ITG imparte en Carballo unha xornada sobre aforro enerxético nos equipos de traballo

mércores, 12 de decembro do 2007 Raquel Noya

A sede da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) vai acoller este xoves 13 de decembro unha xornada divulgativa sobre Aforro e eficiencia enerxética na empresa que organiza a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia en colaboración coa Antena Local da Cámara de Comercio da Coruña.
O acto, que é de balde, celebrarase a partires das 20.30 na rúa Fomento de Carballo e nel, Santiago Rodríguez Charlón, responsable da Unidade de Asesoramento Enerxético da Fundación, incidirá nas vantaxes que obteñen as empresas que adoitan métodos para mellorar a súa competitividade mediante un consumo eficiente da enerxía e do emprego das renovables (abranguendo isto todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías, cada vez máis presentes nos eidos de traballo).
Asemade, Rodríguez Charlón abundará nas vantaxes que reportan as auditorías enerxéticas como primeiro paso para reducir custos e malas prácticas que “redundan no perxuízo do medio e tamén nun incremento dos gastos de produción nas empresas”.
A xornada está dirixida a empresas de calquera tamaño e sector que queiran coñecer as ferramentas que están á súa disposición para optimizar o consumo enerxético, incrementar o tempo de vida dos seus equipos e aforrar en custos de produción.

PUBLICIDADE