O III Congreso Internacional de Novo Periodismo estrea web

venres, 5 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Entre o 30 de outubro e o 1 de novembro terá lugar en Cáceres o III Congreso Internacional de Novo Periodismo, que vén de estrear páxina web, así coma grupo e evento en Facebook e mesmo unha conta de Twitter. Na web vaise dando conta do que será este evento que nesta edición busca un achegamento entre as dúas beiras do Atlántico a través de blogs, potenciar a idea de que España pode servir coma ponte dixital entre Europa e Iberoamérica, buscar unha linguaxe común informativa en español (idioma que falan máis de 400 millóns de persoas) e consolidar a idea dunha posible fronte informativa en español a través da Internet.
O encontro servirá para establecer conversacións entre blogueiros e xornalistas de España e América Latina, pois paralelamente terá lugar un cumio iberoamericano en El Salvador, o que facilitará o intercambio de experiencias e o inicio de contactos entre ambos mundos.
O Congreso contará cos Príncipes de Asturias na súa inauguración, e no seu programa constan conferencias sobre o xornalismo na Internet, o papel dos blogs nas eleccións estadounidenses, o xornalismo cidadán en España, a televisión participativa, as redes sociais, os medios nativos dixitais ou a constante incógnita sobre se os blogueiros son xornalistas.

PUBLICIDADE