O II FIEC pechou cun alegato en favor ao libre acceso ao patrimonio dixital

venres, 9 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Steve Devine presentou a figura do comisario 2.0

O Foro Internacional de Espazos para a Cultura pechou esta tarde a súa segunda edición nunha terceira xornada moi completa que comezou con Steve Devine, responsable de Novas Tecnoloxías do The Manchester Museum e responsable da Collective Conversation, quen deu unha visión sobre o enfoque social que os museos poden adoptar na Internet, xerando debate sobre algún aspecto ou colección, amosando a figura do que poderían ser os comisarios 2.0. The Manchester Museum conta con ata 15 blogs cambiantes e baseados nas exposicións que alberga o centro onde os comisarios e usuarios comparten experiencias, creando interacción entre ambas partes. Tamén facilitan que o público faga consultas a través de Twitter empregando o hashtag #AskaCurator.

Anna Ramos narrando a súa experiencia da Radio Web do MACBA

Compartiu escenario con Devine a directora da Radio Web do MACBA, Anna Ramos, que achega os museos aos usuarios dun xeito moi diferente: a través do podcast. Este altofalante do MACBA chegou a converterse nun medio de seu, xerador de contidos que poden axudar aos usuarios a profundar nas obras do museo.

Samuel Bausson sorprendeu co Museomix


A sesión vespertina botou a andar con Samuel Bausson, webmaster do Museo de Toulouse, que explicou a iniciativa chamada Museomix, un evento de 3 días no que un museo convértese nun auténtico patio de xogos, revolucionando o museo clásico, e que en 2011 tivo a súa primeira experiencia no Museo de Artes Decorativas de París.

Merete Sanderhoff defendeu o acceso libre ao patrimonio dixital a través de licenzas Creative Commons


Pero o colofón púxoo Merete Sanderhoff, investigador e directora de proxectos da Galería Nacional de Dinamarca (SMK), quen fixo unha defensa das licenzas Creative Commons como xeito de achegar a cultura á sociedade dende as institucións públicas, o que dende o SMK fixeron de xeito activo, ofrecendo numerosas pezas de arte de xeito libre para contribuír á súa reutilización e difusión.
Sanderhoff confía na potenciación do libre acceso ao patrimonio cultural, asegurando que os vellos modelos de negocio baseado no pagamento para facerse con contidos artísticos está obsoleto, e cómpre explorar novas canles. Tamén quixo dar conta dun proxecto que están a emprender con outras 10 institucións culturais para a difusión de imaxes de dominio público seguindo a mesma filosofía e baseándose nas posibilidades que achega Twitter, como un exemplo máis do compromiso do SMK por compartir o patrimonio dixital co público, o que tamén facilita o seu enriquecemento e promove a súa difusión dun xeito que exemplificou co uso do vídeo na web (que consegue un volume de reproducións moi superior en YouTube que nas páxinas web das propias institucións).

O FIEC facilitou que numerosos axentes do sector cultural puidesen expor as súas cuestións aos relatores, animando o debate

PUBLICIDADE