O Gran Wyoming estréase en Second Life

xoves, 26 de abril do 2007 Marcus Fernández

O mundo alternativo creado en Second Life conta con moitos e, pouco a pouco, coa simpatía dos medios de comunicación tradicionais, de xeito que a axencia Reuters xa abriu unha oficina virtual neste universo dixital e algún programa radiofónico español tamén avanzou neste eido. Agora, é o popular presentador televisivo alcumado El Gran Wyoming o que salta a este mundo ficticio a través dun plató virtual do seu programa El Intermedio, que se emite actualmente en La Sexta, e servirá tanto para atraer ós seguidores do programa como para servir de escenario para accións especiais (coma concursos).
O propio Wyoming xa conta cun avatar de seu en Second Life, comentando a xeito de broma que no mundo virtual “tódolos personaxes, tanto masculinos coma femininos, son arquetipos sexuais no físico” polo que ó presentador “non o tiveron que retocar”.
Con esta iniciativa a televisión española estréase en Second Life, xa que ata o momento non existían sets fixos no contorno virtual tridimensional. Asemade, este xoves no programa Sabor de Hogar, Alazne Etxebarría amosará ós telespectadores cómo facer o seu propio negocio no mundo virtual de Second Life na sección Tiempo para ti.

PUBLICIDADE