O Google Pixel Watch 2 sairá á venda en España

mércores, 4 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Aparte dos novos smartphones de Google, hoxe tamén se presentou o novo smartwatch da compañía, o Google Pixel Watch 2, que inclúe interesantes melloras con respecto ao modelo anterior, aínda que no caso español o realmente importante é que finalmente o novo reloxo venderase oficialmente no noso territorio a partir do vindeiro día 12 a un prezo de 399 euros.
O Pixel Watch 2 presenta unha esfera de vidro cunha caixa de aluminio que reduce o seu peso un 10% con respecto ao modelo anterior, buscando así que resulte especialmente máis cómodo durante o sono (pois o control da saúde e a medición da actividade é un dos puntos fortes deste dispositivo), aínda que cómpre destacar que a súa autonomía é de só 24 horas (podendo recargarse a súa batería até o 50% en 30 minutos grazas ás melloras da súa carga rápida).
Google asegura que esta revisión do seu reloxo mellora até un 40% o rexistro de actividades vigorosas como o adestramento HIIT, o spinning ou o remo, á vez que tamén ofrece outras métricas de saúde importantes como calorías queimadas, minutos en zona activa, nivel de recuperación diario e calidade do sono.
O novo reloxo integra un sensor de actividade electrodérmica continua (cEDA) que permite incorporar indicadores de resposta corporal, de xeito que pódense chegar a identificar signos potenciais de estrés, para o que tamén se analizan datos como a frecuencia e a variabilidade cardíaca e a temperatura da pel (de feito, o sensor de temperatura da pel tamén é crucial para analizar a calidade do sono).
Para a práctica deportiva o Pixel Watch 2 integra numerosas funcións de Fitbit, compañía de pulseiras de actividade adquirida por Google, de xeito que estamos ante un dos reloxos conectados que ofrecen unha información máis práctica de cara á práctica de exercicio.
O reloxo tamén inclúe novas funcións de seguridade como información médica, aviso de emerxencia e comprobación de seguridade, que se engaden ás xa presentes detección de caída e emerxencia SOS.
Cómpre lembrar que o Pixel Watch 2 funciona con Wear OS 4, polo que conta con notificacións intelixentes, conta con facilidades para iniciar chamadas e mensaxes e, como posibilidades máis prácticas para o usuario medio, temos que certas aplicacións pasan a poder funcionar directamente no reloxo, como Gmail, o calendario ou WhatsApp, sendo especialmente importante esta última aplicación, xa que agora non se limite a reaccionar a notificacións, senón que podemos entrar en todo o historial de conversas, iniciar unha conversa ou chamada e incluso enviar e recibir mensaxes de voz directamente dende o reloxo.

Vídeo promocional do Pixel Watch 2

PUBLICIDADE