O Gato con Botas estrea as historias interactivas en Netflix

martes, 20 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A plataforma de vídeo baixo demanda mediante subscrición de referencia a nivel mundial, Netflix, sorprendeu hoxe anunciando que está estrear as historias interactivas no seu sistema, comezando polas series de animación El Gato con Botas: Atrapado en un cuento épico e Buddy Thunderstruck: La lista de quizá, o que permitirá que os usuarios poidan decidir o camiño polo que transcorren as narracións na liña dos clásicos libros de Elige tu propia aventura (publicados por Timun Mas na década dos 80), pero levando a experiencia ao mundo audiovisual, de xeito que empregarase a pantalla de dispositivos móbiles ou o mando a distancia de televisores conectados para elixir entre as opcións que ofrece cada encrucillada.
Con este novo formato os creadores de contido poder crear historias non lineais, nas que os pequenos da casa poden tomar un rol activo, facéndoos partícipes da historia e permitindo tamén que estas poidan explorarse en numerosas ocasións seguindo distintos camiños.
Este tipo de formato audiovisual non é totalmente novo e, de feito, ofrecen un nivel de interacción que incluso ten sido superado por algunhas películas en formato DVD, pero ao chegar a través dunha plataforma de streaming convértese nunha innovación que serve de exemplo das posibilidades do audiovisual conectado.
Hoxe estréase a historia interactiva de El Gato con Botas: Atrapado en un cuento épico, que pode gozarse de xeito interactivo en televisores conectados e dispositivos con iOS, e a partires do 14 de xullo estrearase tamén a mencionada Buddy Thunderstruck: La lista de quizá. Tamén está en produción Stretch Armstrong: The Breakout, que chegará a Netflix o ano que vén.
Aínda que estes formatos interactivos apuntan polo momento aos contidos infantís, será interesante ver cal é a súa aceptación, especialmente por se algún creador de contidos anímase a trasladar a interacción a ficción para un público adulto, o que sería todo un reto.

Vídeo promocional das historias interactivas en Netflix

PUBLICIDADE