O Foro Academia Aberta salienta o uso cada vez máis xeneralizado das ferramentas dixitais na creación galega

mércores, 15 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O Foro da Academia Aberta comezou xa en Ourense, concretamente este martes no Auditorio Municipal no marco do Festival de Cine Internacional da dita cidade. O encontro, organizado pola Academia Galega do Audiovisual, ten como principal obxectivo afondar nas ligazóns entre o galego e a nosa industria audiovisual. E todo baixo o título A lingua fendida: O audiovisual e o galego. O foro, que foi inaugurado por María Bouzas (presidenta da Academia), contou (entre outros) na súa primeira xornada coa presenza de Manuel Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual, e de Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural.
No acto de apertura, a presidenta da Academia, María Bouzas, tomoulle o pulso á actualidade da produción audiovisual galega, salientando unha gran novidade que toca de preto a esta páxina web: a incorporación cada vez máis estendida das novas ferramentas dixitais para a creación e distribución de audiovisual. Feito que, por certo, está a desencadear o que se podería chamar un “efecto desexado”: o incremento da produción dende o noso país.
Asemade, valorouse de xeito moi positivo nesta primeira xornada do foro a inclusión cada vez máis firme da nosa lingua en todo o material fílmico gravado dentro das nosas fronteiras e mesmo alén delas.
A xornada de hoxe (segunda e última) mércores 15, informa a Academia nun comunicado, centrarase no caso galego, onde recoñecidos profesionais debaterán sobre a relación do noso idioma co audiovisual dende as perspectivas sociocultural, artística e económica, e como os creadores deben entender e aplicar os usos estándares da lingua nas producións . Así mesmo, a Academia fará unha homenaxe a dobraxe, que o pasado ano cumpriu vinte e cinco anos como profesión en Galicia. Para iso está prevista a celebración dunha mesa redonda na que actores e actrices da dobraxe contarán as súas experiencias. Tamén haberá unha lembranza especial a María Romero e ao recentemente falecido Xoán Guisán, pioneiros desta profesión na nosa comunidade.
Este Foro Academia Aberta 2008, centrado na lingua galega e o sector audiovisual, está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria e pola Fundación Caixa Galicia. Tamén contou coa colaboración do Festival de Cine Internacional de Ourense.

PUBLICIDADE