O Formato de Documento Aberto (ODF) a piques de converterse en obrigatorio no Reino Unido

xoves, 6 de febreiro do 2014 Redacción

O Goberno do Reino Unido publicou o 29 de xaneiro unha proposta na que se anunciaba que o Formato de Documento Aberto (ODF) será establecido como o estándar para todos os seus documentos electrónicos editábeis, non só nos postos a disposición da cidadanía, senón naqueles de uso interno. Esta proposta estará aberta á recepción de comentarios até o 26 de febreiro, intre no que se tomará unha decisión final acorde coas recomendacións obtidas. A razón principal da necesidade de definir un estándar para os documentos producidos polo goberno é poder compartilos e colaborar na súa edición, sen impor custos á cidadanía, aos negocios nin a outras administracións públicas. Noutras palabras: evitar a dependencia do provedor ou o que é o mesmo, evitar escoller un provedor concreto só por razóns de formato e non por razóns de que sexa o que mellor abrangue as necesidades técnicas e económicas.
Francis Maude (Minister for the Cabinet Office and Paymaster General) asegura estar convencido de que este paso contribuirá a mellorar a situación das PEME TIC británicas.
Cómpre dicir que a dita proposta é o resultado dunha consulta pública que estivo aberta dende o pasado 4 decembro até o 15 xaneiro, no Standards Hub, o portal web que o goberno de Reino Unido puxo en marcha para levar a cabo a selección dos estándares abertos que empregarán en todos os seus departamentos. Asemade, realizouse un estudo entre o persoal da administración para dar a coñecer o uso dos documentos electrónicos, como traballaban con eles e con quen os comparten. As conclusións desta análise foron tamén feitas públicas.
En base a toda esta información recompilada elaboráronse dúas propostas: proposta de estándares para documentos editábeis: ODF (nas súas versións 1.1 ou 1.2) e, de xeito parello, CSV para documentos con información a tratar estatisticamente e proposta de estándares para visualización de documentos PDF.

PUBLICIDADE