O FBI reacciona esaxeradamente ante a filtración da película X-Men Orígenes: Lobezno

luns, 6 de abril do 2009 Marcus Fernández

Que o pasado día 1 aparecese na Internet unha copia de traballo da película X-Men Orígenes: Lobezno creou moito rebumbio, e o asunto parece resistirse a desaparecer da actualidade, e agora nas últimas horas produciuse unha reacción claramente desproporcionada por parte das autoridades norteamericanas, de xeito que o FBI asaltou esta fin de semana un centro de datos en Dallas da empresa Core IP Networks, sen ningunha relación directa con actividades ilegais de ningún tipo (segundo responsables da empresa, que quedaron abraiados pola mobilización de axentes: na casa do director xeral da compañía apareceron 15 coches de policías e un equipo das forzas especiais) e incautaron varios servidores o que fixo que preto de 50 empresas quedasen sen acceso aos seus datos e correos electrónicos, deixando incluso fóra de servizo o teléfono de emerxencias local (911) que dependía deses equipos.
Realmente parece un abuso que o FBI poida entrar en calquera centro de datos dos EE.UU. e deixalo fóra de servizo sen ter que xustificarse, cando as súas necesidades de investigación son claramente inferiores (como moito, quererían analizar a información relativa a un dos clientes do centro de datos, e non ao conxunto) o que lembra ao caso dunha orde xudicial española que para bloquear o acceso a unha páxina web ordenou o veto a un enderezo IP, o que fixo que boa parte das páxinas dos servidores hospedados en Wordpress.com quedasen inaccesibles dende España.
Esta película tamén provocou problemas ao crítico cinematográfico Roger Friedman, quen ousou analizar a copia do filme que circula pola Rede, o que podería chegar a custarlle o seu traballo.

PUBLICIDADE