O EDUTEC 2008 dará comezo, de xeito virtual, a partires do vindeiro luns

venres, 29 de agosto do 2008 Raquel Noya

O vindeiro luns día 1 de setembro vai dar comezo (como xa anunciamos o pasado 12 de maio na nosa web), o Congreso Edutec 2008 que nesta ocasión leva por nome, As TIC: Ponte entre culturas, Iberoamércia e Europa. O evento terá lugar de xeito virtual e servirá para falar da importancia das TIC no eido educativo para, posteriormente dar paso ás xornadas presenciais que ser celebrarán no Campus Sur da USC.
As persoas inscritas neste evento, que organizan o CESGA e a USC en colaboración co Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTa), participarán a través da Rede en foros sobre o vídeo dixital na educación, a utilidade dos dispositivos móbiles, a multiculturalidade nos medios de comunicación ou os contornos tecnolóxicos na atención á diversidade, entre outras cousas.
Con estas sesións, os organizadores pretenden facilitar o intercambio de ideas na distancia ao mesmo tempo que se retransmiten as conferencias presenciais que se desenvolverán do mércores 3 ao venres 5.
Outras cuestións a tratar no encontro en liña serán os modelos didácticos nos campus virtuais, os desafíos institucionais na integración das TIC, a formación dos profesores para o seu uso, os novos proxectos sobre redes temáticas e docentes e a e-biblioteca como axente dinamizador da Alfabetización.
Xornadas presenciais
As xornadas presenciais do Congreso Edutec inauguraranse o vindeiro mércores 3 ás 11:00 horas no Colexio de Fonseca cun acto oficial presidido polo reitor da USC Senén Barro.
A Facultade de Ciencias da Educación, situada no Campus Sur, será sede destas tres xornadas que teñen como obxectivos xerais promover a difusión de todas as experiencias de investigación e mellora educativa apoiadas nas TIC. Esta dinámica servirá para orientar o deseño de novas propostas de uso dos medios en todos os ámbitos da formación e para reflexionar sobre como crear unha sociedade máis aberta e participativa.

PUBLICIDADE