O DJI Mini 4 Pro achega prestacións profesionais nun dron de menos de 250 gramos

luns, 25 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Para evitar moitas das limitacións regulatorias DJI leva uns anos apostando forte polos drons de consumo cun peso inferior aos 250 gramos, de xeito que poden operarse sen licenza e voar en moitas condicións nas que un dron estándar non estaría permitido. A evolución destes pequenos drons está a ser moi rápida, de xeito que pasamos do que parecía un simple xoguete para introducirse no mundo dos drons até o novo DJI Mini 4 Pro, que conta con funcións moi avanzadas, non tendo practicamente nada que envexar aos seus irmáns maiores.
Cun peso de menos de 249 gramos o DJI Mini 4 Pro pode empregarse en numerosos escenarios con grande seguridade, contando tamén cun sensor CMOS de 1/1.3 polgadas cunha nova plataforma de procesamento de imaxes e fusión de ISO dual nativo, de xeito que ofrece imaxes cunha calidade que poderiamos describir como cinematográfica. Ten unha apertura f/1.7, a resolución das imaxes capturadas é de 48 Mpíxeles e a nivel de vídeo tanto permite gravar en 4K con HDR a 60 imaxes por segundo como pode realizar cámaras lentas en 4K a 100 imaxes por segundo. De cara ás redes sociais tamén permite a gravación de vídeo en vertical sen perda de calidade.
O dron pode gravar vídeo en D-Log M de 10 bits, de xeito que rexistra as películas con un rango dinámico moi elevado e unha grande riqueza de cores, mentres que as fotografías tamén poden rexistrarse en RAW, ou sexa, que é un dispositivo orientado á captación de contidos para a súa posterior edición de calidade.
Unha das grandes vantaxes que ten o DJI Mini 4 Pro é que mellora a súa seguridade con detección de obstáculos omnidireccional, utilizando múltiples obxectivos grande angular e un par de sensores de visión inferior, de xeito que detecta obstáculos en todas as direccións, freando ou esquivando obstáculos de xeito automático cando é preciso.
Un detalle tamén a considerar deste novo dron de pequenas dimensións e lixeiro peso é que inclúe tecnoloxía de transmisión de vídeo O4 de DJI, o que permite ver o vídeo que rexistra o dron en Full HD a 60 imaxes por segundo a unha distancia de até 20 quilómetros. Tamén conta cun sistema de regreso á orixe de xeito automático e a posibilidade de voar até 45 minutos de empregar a batería de voo intelixente Plus.
Ao DJI Mini 4 Pro non lle faltan funcións intelixentes como MasterShots, QuickShots, Hyperlapse e Panorámica; pode transmitir os seus contidos rapidamente ao smartphone para facilitar que poidamos compartilos rapidamente en redes sociais; e ten un sistema de edición de vídeo LightCut que permite crear vídeos fascinantes cun único toque.
Este novo dron está xa dispoñible a un prezo que parte dos 799 euros, aínda que o máis recomendable é adquirilo nun lote que custa 1.129 euros e que inclúe un mando con pantalla, 3 baterías de voo intelixente, centro de carga e bolsa de transporte.
O DJI Mini 4 Pro sería moi semellante ao DJI Air 3 en prestacións (agás polo feito de que o Air 3 conta con dobre cámara), aínda que o novo trebello sería máis económico e lixeiro, polo que é de esperar que sexa un produto moi demandado para traballos profesionais nos vindeiros meses.

Vídeo de presentación do DJI Mini 4 Pro

PUBLICIDADE