O DJI Mic 2 convértese nunha das solucións máis versálites para a gravación sonora sen fíos

mércores, 17 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro chegou ao mercado a cámara DJI Osmo Pocket 3, que entre as súas funcionalidades destacaba por poder empregar un micrófono sen fíos DJI Mic 2 sen precisar de contar cun receptor para tal accesorio. A funcionalidade era especialmente rechamante porque o micrófono DJI Mic 2 aínda non estaba á venda, e finalmente está aquí, como unha importante mellor da anterior solución de microfonía sen fíos de DJI, xa que mellora substancialmente en calidade e conectividade.
O DJI Mic 2 é unha solución ideal para creadores de contido e videógrafos, xa que permite recoller audio con grande calidade, contando agora con funcións como a cancelación de ruído intelixente (capaz de eliminar o molesto ruído de fondo propio de áreas urbanas) e tamén conta coa opción de pista de seguridade (de xeito que grava unha segunda pista sonora a -6 dB para poder evitar picos inesperados), aínda que esta última función pode ignorarse se temos en conta que os emisores con micrófono integran 8 GB de memoria interna na que pode gravarse o audio incluso en 32 bits flotantes, o que achega un rango dinámico practicamente ilimitado, de xeito que en postprodución é posible recuperar dende son moi baixos até son moi elevados, o que achega unha grande seguridade para os creadores, que non atoparán ao remate dunha gravación que o son quedou inservible por mor de non ter axustado o volume de gravación como é debido.
Os micrófonos con emisor poden ocultarse rapidamente na roupa grazas a un sistema de fixación magnética, e o seu receptor, que pode recibir dúas fontes simultáneas, pode conectarse por cable a unha cámara ou smartphone, aínda que nesta nova versión destaca o feito de que os micrófonos tamén contan con conectividade Bluetooth, de xeito que poden ligarse directamente aos smartphones, o que agradecerán moitos creadores para as súas gravacións e directos, resultando tamén moi práctico cando se estea a empregar algún tipo de estabilizador (xa que conectar a un smartphone un receptor pode ser todo un problema para equilibrar o seu peso).
A autonomía dos micrófonos cunha única carga é de 6 horas, que poden ampliarse até 18 co seu estoxo de carga.
Aínda que podemos adquirir cada micrófono por separado a un prezo de 99 euros (ou 219 euros cun receptor incluído) a forma máis recomendable de adquirir este produto é nun lote que por 349 euros inclúe 2 micrófonos, 1 receptor e o estoxo de carga, xa que deste xeito conséguese unha operativa moito máis sinxela e práctica. Tamén é posible adquirir micrófonos de solapa de DJI por 39 euros, poden conectarse aos emisores para casos nos que queira camuflarse mellor o micrófono (por exemplo, na realización dunha entrevista).

Vídeo de presentación do DJI Mic 2

PUBLICIDADE