O Consello da Cultura Galega enriquece cunha web as homenaxes a Xela Arias

mércores, 3 de marzo do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega presentou este 3 de marzo as novidades tecnolóxicas (e non tecnolóxicas) que está a impulsar para conmemorar a figura de Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2003), a poeta homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. O programa do CCG, segundo fixo saber a súa presidenta Rosario Álvarez, é un programa que xorde directamente das características que máis definiron a escritora homenaxeada, “unha escritora extrema, de palabra tensa e contida, plural e diversa”. Estas son as marcas de identidade que guían a axenda do CCG para 17 de maio, que inclúe a posta en marcha dunha completa páxina web adicada á vida e á obra de Xela Arias.
Na presentación das accións previstas, amais de Rosario Álvarez, tamén participaron a secretaria do CCG, Dolores Vilavedra, e o fillo de Xela Arias, Darío Gil.
Na cita fíxose publico o espazo web que dará acubillo ás diferentes iniciativas que arrincarán cun acto o Día da Poesía e que incluirán, entre outros contidos, o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o 16 de maio a cargo Laura LaMontagne e PicoAmperio.
Desta volta, o poema de Xela titulado Ambiciono o equilibrio dos extremos serve de guía da programación deseñada polo Consello da Cultura Galega. “Traballamos coa idea de pluralidade, de diversidade, de interxeracionalidade e de buscar un equilibrio coa Galicia actual” asegurou Rosario Álvarez. “Xela fixo sempre gala dunha grande independencia, dunha gran modernidade e moveuse con total normalidade nas marxes e son as nosas marcas de inspiración”, engadiu a presidenta.
Polo que se refire á páxina web presentada, é un especial en liña dinámico e plural que servirá, entre outras cousas, para concentrar a información da institución arredor desta celebración. Entre os materiais destaca o documental Xela e a palabra, encargado polo Consello da Cultura Galega en 2014 para prestar atención ao valor que a palabra tiña para autora e tamén ao traballo de tradución e edición que exerceu en Edicións Xerais de Galicia. Foi proxectado no marco da xornada Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, organizada pola institución.

PUBLICIDADE