O Congreso Flúor pechou con 300 asistentes presenciais e un milleiro por Internet

venres, 10 de xuño do 2022 S. P.

O 4º Congreso Atlántico de Mercadotecnia Dixital (Congreso Flúor) clausurouse venres 10 de xuño. Fíxoo cunha participación de máis de 300 asistentes presenciais e máis de 1.000 conectados por internet (streaming). O obxectivo foi achegarlles dúas xornadas sobre novas tendencias, como a mercadotecnia consciente, os podcast, as novas estratexias de captación de clientes e, sobre todo, o metaverso, “un auténtico mundo dixital que se converterá nunha realidade efectiva para a mercadotecnia e os negocios de Galicia e de todo o mundo”, segundo coincidiron os expertos convidados. Flúor celebrouse no auditorio de AFundación en Pontevedra. Participaron 22 relatores de España e Portugal.
Este venres o congreso ofreceu catro talleres prácticos sobre temáticas especializadas como os podcast, o metaverso ou a aplicación da ciencia de datos en mercadotecnia.
Samuel L. París, creador de contidos e estratexias en Axencia Nasas, falou sobre o Podcast como ferramenta de mercadotecnia. Pola súa banda, Pablo Borrás García, director executivo e fundador de 2beDigital, titulou o seu obradoiro A oportunidade do Metaverso: Da web 2 á web 3.
Patricia Ricon Rodriguez, planificadora de medios en Avante Evolumedia, falou sobre eficacia e publicidade no seu taller É xa o banner un formato mainstream? e Joan Miró, co-fundador e manager xeral en Kraz (Viko Group), falou sobre Clusterización de clientes aplicando ciencia de datos.
Tamén nesta xornada de clausura, o Congreso Flúor deu este ano un paso máis na súa colaboración coa Universidade de Vigo e a súa Facultade de Comunicación, cun encontro novo de citas rápidas ou speed dating, no cal 17 alumnos a piques de graduarse na Facultade presentáronse en moi poucos minutos ante 11 de axencias de mercadotecnia e comunicación, coa finalidade de incorporárense ao seu persoal.
Para pechar, o congreso finalizou cun percorrido pola zona histórica de Pontevedra, guiados pola Concellaría de Turismo.
O congreso está organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia, que une a toda a cadea de valor da comunicación de Galicia: profesionais de mercadotecnia, de comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, de medios, mercadotecnia dixital, impresores, etc.
O patrocinador principal do Congreso continúa sendo a Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, cidade que acolle a versión presencial desde o seu inicio en 2019, e cuxa imaxe está presente durante a retransmisión en liña do congreso.

PUBLICIDADE