O Concello e a cidadanía de Santiago recolleron para a súa xestión máis dunha tonelada e media de refugallos electrónicos

mércores, 7 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente chegou ao seu remate a campaña compostelá Longa vida aos teus aparellos electrónicos! Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos (mancheas de refugallos TIC e de electrodomésticos, amais baterías de todo tipo), os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago a través da Concellería de Medio Ambiente e Convivencia e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) organizaron este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita foi no edificio CERSIA e contou con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en desuso. Segundo se fixo saber, a campaña Longa vida serviu para xestionar máis dunha tonelada e media de residuos electrónicos e unha tonelada de pilas.
A iniciativa púxose en marcha no pasado mes de xullo, enmarcada no programa Tropa Verde, que desenvolve a empresa Teimas. Ao fío dela habilitáronse 15 puntos de recollida de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos e pilas en centros socioculturais e polideportivos. Neles, os veciños e veciñas fixeron entrega dun total de 1.531 quilos de material electrónico desbotado e 1.051 quilos de pilas, e estímase que a súa correcta xestión evitou a liberación de case 620 quilos de CO2 á atmosfera. Esa cantidade é a equivalente ás emisións dun coche novo ao percorrer preto de 3.800 quilómetros, informaron o Concello e Teimas, que contaron (para o desenvolvemento do programa) coa importante axuda das firmas Recyclia e Revertia, que impartiu obradoiros de reacondicionamento de computadores refugados nos centros socioculturais de Vite e O Ensanche. Neles puideron participar un total de 30 persoas, que tomaron conciencia da importancia que ten para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de aparellos e aprenderon os pasos a dar para darlles unha segunda vida. Por último, a campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos completouse con charlas da Tropa Verde en diferentes centros educativos.
Xornada de Economía Circular
Como dixemos, estes datos foron achegados no marco da xornada O papel das cidades na economía circular, na que participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, quen incidiu na pegada negativa que deixan os materiais tecnolóxicos na natureza, que “son cada vez máis cuantiosos e que teñen un alto poder contaminante”. Neste sentido, lembrou que a batería de níquel dun teléfono móbil pode contaminar até 50.000 litros de auga, e unha batería tipo botón, até 600.000 litros. Asemade, lembrou aos presentes en que consiste a economía circular: “Un sistema industrial que substitúe o concepto de caducidade polo de restauración, e que ademais de beneficios ambientais claros pode ser unha boa saída para a crise do emprego". Na xornada celebrada participaron expertos como Anabel Rodríguez, directora executiva da Fundación para a Economía Circular; Xavier Labandeira, catedrático de Economía e director de Economics for Energy; José Pérez, conselleiro delegado de Recyclia; Miguel Varela, xerente de Teimas Desenvolvemento; e Alejo Calatayud, responsábel de comunicación de Revertia.

PUBLICIDADE