O Concello de Santiago dá conta dos prezos finais e as condicións da súa rede WiMAX

venres, 30 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago vén de dar máis detalles sobre o despregue (xa feito) e a posta en funcionamento (en marcha) da Rede WiMAX iCompostela, un servizo encamiñado a achegar acceso sen fíos á Internet alí onde até o de agora, polas circunstancias de conservación do casco vello e do seu contorno, era especialmente dificultoso para as operadoras. En definitiva: concluída xa a fase de equipamento e mergullados o Concello e máis a firma responsable dos traballos (Colabora) en levar a cabo os derradeiros axustes, a iniciativa sitúase arestora nunha fase crucial do seu desenvolvemento: a fase de promoción. Con este fin, o Goberno local ten programada unha campaña informativa para dar conta polo miúdo das vantaxes, condicións e prezos da Rede entre a veciñanza. En termos xerais e para ir facéndonos unha idea, dicir que o equipamento ofrecerá acceso móbil á Internet (a través do Wi-Fi, gratis e permitindo sesións de 15 minutos, habilitado nas prazas de Praterías, Quintana, Toural, Abastos, Fonseca, Obradoiro, Cervantes, Porta do Camiño, Universidade, Mazarelos e Belvís), xeolocalización e información contextual. Estes dous servizos, accesibles no Obradoiro, A Quintana, Praterías, Toural e Fonseca, permite facer un cálculo da nosa posición na cidade e, en base a iso, recibir datos que estean ligados a ese escenario concreto
Polo que respecta a un dos puntos máis importantes da Rede WiMAX, o seu prezo, dicir que corre por conta da firma concesionaria e fica en liña directa coa situación actual do mercado, polo que non se poden agardar custes moito máis accesibles cós que achegan as restantes operadoras. Hai dous tipos de contrato: Névoabase (algo máis de medio mega de velocidade e 25 euros ao mes, con 10 xigas de límite de descarga mensual) e Névoaplus (39 euros e incluíndo un mega de velocidade e sen límites de descarga).
As condicións achegadas, xunto ás tarifas de accesos temporais (dende 6 euros por unha hora até os 75 mensuais), están a provocar críticas abertas ao servizo e as súas vantaxes, limitadas, polo que di El Correo Gallego, ao feito de ceibarnos de dar de alta unha liña no fogar. Segundo informa o devandito xornal, ao problema dos elevados custes cómpre engadir outro sobre as propias condicións de acceso ofrecidas polo sistema: co mega que se subministra de conexión, só se nos permitiría visitar un número ben limitado de webs, impedindo de calquera xeito intercambiar contidos pola Rede ou descargalos.
Contacto coa empresa para dar de alta o servizo
Segundo informa o Concello de Santiago, as persoas interesadas en obter máis datos sobre o equipamento achegado ou contratar os servizos de pagamento teñen que se dirixir á empresa concesionaria a través do teléfono 981 909 175 (de luns a venres en horario de 9.00 a 18.00h) ou da páxina web www.baudia.es. Proximamente procederase á distribución de folletos en castelán e inglés con toda esta información.

PUBLICIDADE