O Concello de Pereiro de Aguiar prepara a implantación de rede sen fíos baixo software libre

martes, 14 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Galiza precisa de Rede, sobre todo aquela parte da nosa terra que é a meirande porción do territorio e que máis desvantaxes sociais e económicas atopa: a Galiza non urbana. A Internet, se vén ligada a actividades de formación e asesoramento, pode contribuír a compensar a falta de oportunidades do rural. Este é en boa medida o alicerce dun proxecto do que nos fala a plataforma mancomun.org e que consistiría en implantar no concello ourensán de Pereiro de Aguiar acceso a Internet WiFi baixo software libre. A iniciativa, que aínda está en fase de estudo sobre a súa viabilidade, conta coa participación da empresa galega Redegal e da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, a través do equipo técnico dirixido polos profesores Javier Rodeiro e Miguel Díaz-Cacho.
Neste intre preciso, Redegal estase a ocupar das xestións de rigor coa CMT. A base sobre a que se vai sustentar a rede é unha base de software libre, especialmente fiable e segura, segundo sinalan os responsables do proxecto, amais de máis económica para o Concello e para os usuarios.
No estudo que se está a realizar, sinala mancomun, inclúense as análises topográficas con probas de campo, estudo da rede lóxica, termos legais e estudo de saúde.

PUBLICIDADE