O Concello de Oleiros achega aos maiores un novo obradoiro para tirar proveito de tabletas e móbiles

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Concello de Oleiros está a preparar un obradoiro para introducir aos maiores nas novas tecnoloxías de uso máis común e estendido. E farao a través dun novo curso de iniciación ao manexo de tabletas e móbiles cuxo prazo de inscrición ábrese o vindeiro 11 de novembro. A acción formativa está dirixida a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Oleiros. O curso ten unha duración de 16 horas, en 8 sesións de 2 horas cada unha, de luns a venres pola tarde no Centro Municipal de Formación nos Regos, os días 9,10,11,12,16,17,18 e 19 de decembro.
As orixes da actividade están na constatación, por parte dos integrantes do Concello, do crecente interese entre a xente de idade arredor das novas tecnoloxías, o que se traduciu nun incremento da demanda de actividades formativas sobre alfabetización dixital. En base a isto, o Goberno local decidiu levar a cabo un novo curso de iniciación para as persoas que non puideron participar nos que se ofertaron anteriormente.
As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, a partir das 9:00 horas do luns 11 de novembro e rematará ás 20:00 horas do 24 de novembro. Tamén poderán facer a inscrición durante eses días nas propias oficinas de Servizos Sociais de Oleiros se non teñen a posibilidade de facelo de maneira telemática. O prezo público para esta actividade é de 17,24 euros.

PUBLICIDADE