O Concello de Mugardos doará computadores rehabilitados con sofware libre

venres, 10 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Fachada do consistorio de Mugardos, á dereita

Unha vez máis, toca falar do Día da Liberdade do Software (ou Día do Software Libre), a celebrar en todo o mundo (a nosa terra incluída) o vindeiro 18 de setembro, sendo a vila de Mugardos un dos espazos máis significativos de conmemoración. Pois ben, se os días pasados falamos dende Código Cero das actividades previstas por Zulo e GALPon na devandita cita da vila ferrolá, agora toca falar do papel despregado polas Concellarías de Promoción Económica e da Mocidade, que xunto con Zulo pretende representar polo miúdo as moitas vantaxes que a programación aberta e a substentabilidade informática que aquela chega teñen para o eido das administracións locais e o asociacionismo, máis polo miúdo en termos de aforro e eficacia. Máis en detalle, os devanditos departamentos do Concello apostarán pola revalorización e o reemprego útil de equipos tecnolóxicos dándolle unha nova vida aos computadores das instalacións municipais, instalando neles aplicacións informáticas libres e de código aberto.
Logo de conseguir que estes aparellos sexan cen por cen funcionais, informan, serán doados a colectivos e entidades sociais ligadas ao concello. Amais disto, a celebración do 18 de setembro, que comeza ás 11.00 horas, acollerá a presentación da distrución GALPon MiniNo Alguadaira (paquete informático que inclúe un sistema operativo e un completo conxunto de aplicacións plenamente funcional en ordenadores con poucos recursos).

PUBLICIDADE