O Concello de Lugo mellora con IA a accesibilidade e a seguridade do Seminario para persoas xordas

xoves, 14 de xullo do 2022 S. P.

O edificio administrativo do Seminario, en Lugo, dispón xa dun novo sistema intelixente smart que mellorará a accesibilidade das persoas xordas e con perda auditiva. Trátase dun mecanismo en fase de probas baseado na Intelixencia Artificial mediante o recoñecemento de sons que foi implantado no andar baixo e no segundo andar do inmóbel onde se sitúan os departamentos con servizo de atención ao público.
O proxecto, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae e impulsado dende área de Benestar, supuxo a colocación de dous dispositivos que recollerán as alertas sonoras (alarmas de incendio, saltos de quenda, timbres, etc) e mostraranas con feitura de notificacións visuais e sensoriais a través das luces interiores, así como nos terminais intelixentes das persoas usuarias (smartphones, tabletas, smartwatchs...) mediante a aplicación móbil Visualfy, de descarga gratuíta.
O Concello explicou que “para trasladar estes avisos dunha forma gráfica foron instaladas catro lámpadas de sinalética, distribuídas en corredores e salas de espera, que funcionan como luces de emerxencia nas que se sucederán as indicacións, acompañada cada unha delas dun cartel informativo coas lendas, o código de cores dos avisos e as indicacións para as persoas usuarias sobre como subscribirse”.
A concelleira de Benestar explicou que foi tido en conta garantir a accesibilidade nos baños que, neste sentido, adoitan ser puntos cegos. “Para iso, estes espazos, seis en total, foron dotados dun plafón cunha lámpada Wi-Fi E-27, que pasarán desapercibidas pero, en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da cor determinada ao efecto”, sinalou, engadindo que “ante emerxencias como un incendio as lámpadas de sinalética prenderán en vermello e serán visíbeis desde calquera parte da construción mesmo sen Internet ou sen electricidade, primando a seguridade en todo momento”.
A edil engadiu que dende o panel de control do sistema o persoal designado como xestor do edificio poderá crear mensaxes personalizadas que comunicará a través das luces, as lámpadas de sinalética e as alertas que recibirán aquelas persoas que dispoñan da app de Visualfy.
“Esta solución de accesibilidade, ao estar baseada en Intelixencia Artificial e Internet das Cousas, permitirá a súa actualización continua, a súa flexibilidade e a súa escalabilidade, non só para aquelas persoas con perda auditiva, senón que incrementará a seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras, creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”, subliñou Olga López.
O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e o acceso ás mesmas. Dentro deste obxectivo, o Goberno de Lara Méndez está a traballar na eficiencia da Administración Electrónica e no desenvolvemento da cidade como Smart City.

PUBLICIDADE