O Concello da Coruña e a Deputación instalarán sensores intelixentes en 12 inmóbeis da entidade provincial

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña aprobou a sinatura dun convenio coa Deputación para posibilitar a instalación de sensores intelixentes nunha ducia de edificios locais da entidade provincial, no contexto do proxecto Conecta Coruña. Trátase dunha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, co-financiada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso de ferramentas de análise de información a gran escala (Big Data) en máis de 200 edificios da cidade.
Baseándose nese proxecto, o Concello está a acometer a instalación de sensores intelixentes grazas aos que “será posíbel optimizar nos edificios o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radon, mitigando riscos para a saúde das persoas”, explicaron fontes do Consistorio, engadindo que os inmóbeis da Deputación (por exemplo o Teatro Colón ou o Arquivo Municipal) súmanse aos mobilizados a través de cinco convenios xa aprobados con anterioridade, que posibilitaron a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña, Cruz Vermella, o Instituto Médico Quirúrxico San Rafael e a Autoridade Portuaria.

PUBLICIDADE