O Clúster da Madeira de Galicia organiza un curso para fomentar a innovación tecnolóxica e o emprego no sector

martes, 24 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

O Clúster da Madeira de Galicia organiza do 13 ó 23 de novembro a segunda edición do curso Axente da Innovación para a evolución e mellora das empresas do sector da madeira. As xornadas formativas van dirixidas (como o seu propio nome indica) a todas aquelas persoas que desexen abrirse camiño no mercado laboral do devandito sector a través dunha clara aposta pola Investigación e o Desenvolvemento no devandito sector, sendo a I+D (a maiores) o medio máis eficaz para que as empresas galegas acaden meirande competitividade.
A segunda edición do dito curso celebrarase na Escola Universitaria de Enxeñería Forestal e centrarase sobre todo nos seguintes contidos: introdución ós procesos de innovación no sector da madeira, implantación conxunta dos sistemas de calidade, deseño de proxectos de innovación, financiamento de proxectos baixo as convocatorias públicas de I+D e sistemas de información e implantación de procesos de mellora. Segundo apunta o clúster, os alumnos e alumnas que cursen a parte presencial do curso, que se compón de 40 horas, terán acceso a unha bolsa de emprego constituída polas principais empresas do sector da madeira.
Para máis información, cómpre poñerse en contacto co Clúster a través do seguinte enderezo: mailto:cma@proyectoilder.org.

PUBLICIDADE