O Clúster TIC equipa de competencias dixitais a máis de 2.000 persoas dende maio

venres, 5 de agosto do 2022 S. P.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TiC Galicia

O Clúster TIC Galicia vén de dotar de competencias dixitais a 2.048 persoas dende o mes de maio a través do plan formativo centrado nas TIC, que impulsa en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta. “Isto”, explicou a alianza de empresas galegas do sector dixital, ”supón a execución de máis do 50% do orzamento achegado, que ascende a 1,8 millóns de euros, e cuxo investimento total se prevé efectuar antes do 30 de novembro deste ano”.
O programa abrangue preto de 80 cursos de balde dirixidos a traballadores, autónomos e desempregados, co obxectivo de “cumprir coas súas aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal, así como mellorar as súas competencias e habilidades tecnolóxicas para dar resposta ás necesidades actuais do mercado”.
A oferta formativa, que se imparte en tres modalidades (en liña, a través dunha aula virtual ou combinando ambas posibilidades), está centrada no ámbito tecnolóxico, con cursos sobre Intelixencia Artificial, análise de información a gran escala (Big Data), ciberseguridade, desenvolvemento e analítica web, programación, bases de datos, solucións de código aberto (open source), bootcamps, ademais de distintos niveis de idiomas e habilidades de xestión e vendas.
Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia pretende ofrecer unha formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen os traballadores, e reskilling, para a adquisición de novas competencias por parte do alumnado.
Para a execución deste convenio, a entidade estase a apoiar na bagaxe de provedores formativos tan destacados como Femxa e Gdoce, que están a colaborar na xestión, organización e impartición das accións formativas incluídas no proxecto.
Este programa está enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, os fondos Next Generation da Unión Europea e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.

PUBLICIDADE