O CiTIUS amosará as súas tecnoloxías o vindeiro día 30

mércores, 21 de xuño do 2023 Redacción

O vindeiro día 30 o CiTIUS celebrará unha nova edición do seu xa tradicional evento Inside the lab no que desenvolven unha serie de demostracións para estreitar as ligazóns entre empresas, sector público e organizacións co centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Neste acto terán lugar un total de 10 demostracións en avanzado estado de madurez, listas para a súa transferencia á industria e á sociedade, explicando os propios investigadores do CiTIUS o seu traballo e dando conta de exemplos prácticos de uso.
A oitava edición de Inside the lab chega co lema infinitas posibilidades, aludindo á multitude de opcións abertas na actualidade para a comunidade investigadora no ámbito da intelixencia artificial, animando á participación entre os distintos axentes do sector.
Entre as tecnoloxías intelixentes que poderán descubrir as persoas que se acheguen ao CiTIUS en Inside the Lab 2023 destacan, entre outras, circuítos e sistemas para IA, algoritmos para o cálculo de roteiros de escape en incendios forestais ou diferentes técnicas de visión artificial para a análise da calidade de produtos alimentarios, así como os últimos resultados das spin-offs Situm e Inverbis.
Ademais, os visitantes poderán coñecer tamén os primeiros resultados do Proxecto Nós, a iniciativa máis importante desenvolvida nunca na área das Tecnoloxías da Linguaxe para a lingua galega. Neste eido, Inside the Lab 8 mostrará o funcionamento de tres ferramentas: un tradutor automático (o primeiro con tecnoloxía neuronal desenvolvido para o galego desde Galicia), un sistema de recoñecemento de voz e un sintetizador de voz (baseados tamén en deep learning).
O evento terá lugar nas instalacións do CiTIUS de maneira presencial o venres 30 de xuño entre as 10:00 e as 14:00. Para participar, é preciso inscribirse previamente.

Vídeo no que Senén Barro convida a participar na vindeira edición de Inside the lab

PUBLICIDADE