O Centro Demostrador TIC celebra un seminario sobre o software libre

mércores, 10 de setembro do 2014 Redacción

A vindeira semana, o 16 de setembro, o Centro Demostrador TIC (xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- AMTEGA) levará a cabo un seminario baixo o nome Xestión documental con software libre que se impartirá no mesmo CDTIC Galicia en horario de 16.00 a 20.00 horas. Neste seminario práctico, amais de explicar que é a xestión documental e os seus beneficios e vantaxes para a empresa, as persoas asistentes poderán coñecer os criterios de selección dun sistema de xestión documental e dun provedor e cales son as diferentes alternativas de xestión documental que existen no software libre.
A xornada está encamiñada a profesionais autónomos, persoal directivo ou xestor de micro, pequenas e medianas empresas. Os encargados de impartilo serán Víctor Fariña e Isis Edreira, da consultora Queres Tecnologías, unha empresa que achega servizos de consultoría e integración de sistemas e que está especializada en solucións de xestión de contido empresarial.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, tendo como obxectivo achegar un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.
Por último, cómpre dicir que a asistencia a esta actividade é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC.

PUBLICIDADE