O Campus de Ourense convoca unha nova edición do certame artístico do Día da Muller e a Nena na Ciencia
mércores, 2 de decembro do 2020
Co
gallo da celebración, o vindeiro 11 de febreiro, do Día
Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias,
a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior
de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense volverán traballar
conxuntamente para organizar diversas actividades conmemorativas e,
tamén, con capacidade para aumentar as vocacións femininas no
ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
No
marco destas iniciativas, veñen
de convocar o V Concurso de Creación Artística do Día
Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á
participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense.
A data límite para presentar propostas é o 20 de xaneiro de 2021.
Os
obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade
da UVigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel
das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao
desenvolvemento humano na historia; e, tamén, axudar a que se
visualice o papel das mulleres no eido da investigación e que
reflicta como son vistas pola sociedade.
Esta
iniciativa únese a outras contribucións organizadas desde estes
centros (como a exposición virtual Exxperimenta en feminino e
a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de
Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas,
anulada para 2021 debido á pandemia) coas que se quere “contribuír
a contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos STEM e
fomentar as vocacións científicas entre as mozas estudantes”.
Pode
participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e
Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro
educativo que pertenza á provincia de Ourense.
O
certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e
outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue
debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes
para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para
crear obras ou propostas artísticas. A modalidade literaria está
destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a
computador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao
enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do
traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha
obra inédita e orixinal. Os traballos poderán estar escritos en
galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos,
relatos).
A
temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e
na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC (Tecnoloxías da Información
e a Comunicación).
A
entrega de premios será nun acto especial na primeira quincena de
febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día
internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios
por cada unha das categorías e das modalidades.