O CPETIG contará con importantes expertos en calidade empresarial para o seu seminario do día 17

martes, 8 de xuño do 2010 Redacción

O Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos que se celebra no Telecentro de Santiago o vindeiro día 17 dará acubillo a algúns dos máis senlleiros profesionais do Estado en materia de recursos para a optimización de iniciativas empresarias polo vieiro das novas tecnoloxías. O encontro, que está organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), contará coa presenza de experimentados relatores como Carlos Jardón (do que xa falamos nesta web para adiantar certos detalles da súa intervención) ou José Ramón Díaz, da empresa Biko, quen falará de métodos para mellorar na medida do posible o deseño de programas informáticos.
O seminario (que servirá igualmente para afondar nas vantaxes do modelo CMMI), tamén contará coa participación de INTECO (achegando datos sobre os seus servizos a prol da seguridade das empresas), de David Esmerodes, responsable de Axilmente (o grupo de axilismo en Galiza) e de José Luis Iparaguirre, recoñecido coa certificación de High Maturity Lead Appraiser, o que entre outras cousas quere dicir que conta co respaldo do Software Engineering Institute (entidade da Universidade de Carnegie Mellon) para a realización de diagnósticos de madurez e calidade (de niveis 4 e 5) nas empresas.
Como dixemos, o seminario celebrarase o vindeiro 17 de xuño a partir das 16.00 horas no Telecentro de Santiago de Compostela, con emisión por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Os asistentes nos distintos telecentros poderán participar no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores.

PUBLICIDADE