O CPEIG colaborará coa Universidade de Santiago para pór en marcha o seu Máster en Enxeñaría en Informática

luns, 2 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de comprometerse unha vez máis a traballar coa Universidade de Santiago na mellora da súa formación no eido das novas tecnoloxías do coñecemento. Máis polo miúdo, o CPEIG achegará a súa experiencia para a posta en marcha do Máster en Enxeñaría en Informática. A iniciativa, inserida dentro da adaptación ao Plan Boloña, contará co apoio dunha comisión universitaria para darlle forma, comisión da que forma parte o dito colexio galego.
Segundo apunta o CPEIG nun comunicado, calcúlase que a implantación do máster será efectiva no curso 2011/2012 pero até esa data hai programada unha longa serie de encontros da comisión. Cómpre lembrar que a día de hoxe as tres universidades do noso país están a elaborar achegas formativas semellantes, pero segundo apunta o colexio a de Compostela é a que ten máis avanzado o traballo. “Xa no seu día”, engade, “o CPEIG asesorara tamén na implantación dos graos en Enxeñaría en Informática nas tres universidades galegas”.

PUBLICIDADE