O CLAG remata hoxe o seu periplo pola feira IBC 08 de Amsterdam

martes, 16 de setembro do 2008 Raquel Noya

A delegación de once empresas socias do Clúster Audiovisual Galego, CLAG, que dende o pasado venres día 12 de setembro están a participar na feira IBC de Amsterdam, rematan hoxe o seu itinerario polos Países Baixos, onde asistiron, ao longo de catro días, a diversas xornadas de traballo e reunións para mellorar a difusión do audiovisual galego alén das nosas fronteiras.
O cine dixital, a televisión para móbiles ou a distribución de contidos multimedia a través de Internet (IPTV) son algúns dos temas que, durante catro intensos días, se abordaron no IBC, unha das feiras tecnolóxicas de meirande participación en Europa, onde algúns membros do CLAG, tiveron a oportunidade de asistir ás demostracións dos provedores máis relevantes deste sector.
Baixo o lema, Pola industria, para a industria, este evento é un dos máis salientables a nivel mundial para os profesionais da creación, xestión e entrega de contidos da industria do lecer, perfil que os membros do CLAG cumpren polo miúdo sen excepcións. As compañías galegas que se achegaron ata a capital holandesa foron: Arantia, Spica, Isabella Audiovisual, Filmanova, Ficción Producciones, LambdaStream, Voz Audiovisual, Continental, Cinemar Films, CTV e Tecnocom.

PUBLICIDADE