O CIXUG informa que Linux Mint dispón xa de réplica galega

mércores, 4 de setembro do 2013 Redacción

A Oficina de Software Libre do CIXUG informa que vén de ultimar a configuración e posta en marcha no seu servidor de réplicas da primeira réplica do proxecto Linux Mint na nosa terra. Segundo conta o devandito consorcio das universidades galegas e reflicte Mancomún, en virtude desta achega calquera usuario galego que queira descargar a distribución poderá facelo dende este servidor acubillado fisicamente na UDC, “coa vantaxe da proximidade e a capacidade do servizo”. Dende a Oficina engaden que con esta nova réplica contribúese a promover o coñecemento da distribución no ámbito universitario, e cúmprense ademais cos obxectivos da OSL do CIXUG de apoiar os proxectos libres que requiran de promoción dentro da comunidade universitaria galega.
Lembrar que Linux Mint é unha distribución GNU/Linux baseada en Debian e Ubuntu, que ten como finalidade achegar aos seus usuarios “un sistema operativo moderno, elegante e doado de utilizar”, engádese. Comeza no ano 2006, e arestora é o cuarto sistema operativo máis empregado, despois de Windows, Apple Mac OS e Ubuntu. Asemade, é o primeiro en descargas de sistemas GNU/Linux.

PUBLICIDADE