O CITIC acada os 120 proxectos empresariais
xoves, 25 de xuño do 2015
- Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña
O CITIC,
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións, vén
de chegar xa á liña dos 120 proxectos empresariais impulsados dende
o seu seo e con innovación de seu. Así o deu a coñecer os días
pasados a dirección do propio centro, posto en marcha dende a
Universidade da Coruña en 2007, data dende a cal habilitáronse 11
grupos de investigación e participouse en 15 plans europeos (este
ano participa en catro). Ademais, informou Jesús Diaz, responsábel
de Promoción Tecnolóxica, o CITIC acubilla a día de hoxe dous
centenares de investigadores adscritos ao algún dos seus 11 grupos
de investigación.
A maiores, no reconto de fitos e éxitos achegados
pola dirección do centro, inclúese o seguinte dato a ter en conta:
as súas investigacións tecnolóxicas fixeron posíbel a posta en
marcha de tres spin-offs, a solicitude de preto de 40 patentes
e rexistros de software e a súa participación (como dixemos) nun
total de quince proxectos europeos, concorrendo este ano a outros
catro, sempre da man da Universidade da Coruña. Por sectores,
salienta a bagaxe e o coñecemento xerados nos ámbitos do fogar
dixital, as tecnoloxías para a localización e a navegación, as
Cidades Intelixentes, a conectividade, a eSaúde ou o envellecemento
activo, entre outros moitos eidos de actividade.
Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da
Información e Comunicacións (CITIC) é un centro tecnolóxico
singular impulsado pola Universidade da Coruña, co fin de promover o
avance e a excelencia na investigación, desenvolvemento e innovación
en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e impulsar
a transferencia de coñecementos e resultados á sociedade. O CITIC é
un punto de encontro entre a universidade e a empresa no que se
combinan departamentos de I+D de empresas do sector TIC con
investigadores procedentes do ámbito universitario. Na actualidade,
no CITIC traballan en distintos proxectos de I+D arredor de 200
investigadores dos sectores público e privado, “formando un
entorno mixto universidade-empresa que posibilita a colaboración e
transferencia de coñecemento”, segundo explican fontes do centro.