O CITIC ábrenos as portas aos seus proxectos de transferencia, nos que traballan máis de 200 investigadores
mércores, 13 de marzo do 2013
- Bertha Guijarro, coordinadora do centro de I+D coruñés
A innovación galega
baseada nas posibilidades do dixital ten un dos seus eixes
fundamentais, básicos, no Centro de Investigación en Tecnoloxías
da Información e as Comunicacións
(CITIC) da Coruña. Este
espazo de I+D, impulsado pola UDC, salienta entre outras moitas
cousas pola marcada vertente social de tódolos proxectos que
acubilla: semellan ter sido postos en marcha para favorecer cuestións
como a inserción, a mellora da atención sanitaria ou a loita
constante e firme contra a fenda dixital. Asemade, as súas
iniciativas son casas abertas: fomentan a colaboración e o fluxo
cara a fóra do que alí se xera, ou sexa a transferencia. Máis que
nunca, estamos ante un achegamento entre universidade e empresa, a
día de hoxe contando con máis de 200 investigadores fornecendo a
súa experiencia e procedentes dos sectores público e privado,
galegos e de máis alá. Segundo nos recorda a coordinadora do CITIC,
Bertha Guijarro Berdiñas, no
último lustro o centro ten traballado en arredor dun centenar de
proxectos de transferencia. Na súa opinión, este alicerce de
colaboración, esta xuntanza de forzas distintas, é algo natural e
lóxico que en centros o CITIC faise simple. A fin de contas, di, “a
Universidade é
unha fonte de talento e coñecemento que as empresas han de ter en
conta e unha gran parte do futuro empresarial encóntrase no presente
universitario”.
-Bertha,
cal é, para entendernos, o gran cometido do Centro de Investigación
en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións,
tamén coñecido como CITIC, que non podemos deixar de destacar?
Levar os máis innovadores achados na dita materia á sociedade e ao
tecido empresarial galego?
-O
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións (CITIC) é un centro Tecnolóxico impulsado pola
Universidade da Coruña, para fomentar a I+D+i aplicada nas novas
Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Supón un punto de
encontro entre universidade e tecido produtivo no que se combinan
departamentos de investigación de empresas con investigadores
universitarios, constituíndo un ámbito mixto que posibilita a
colaboración e a transferencia de coñecementos. Todos os proxectos
que se levan a cabo no CITIC son de investigación aplicada e en
colaboración coas empresas, partindo do obxectivo de redundar sobre
a sociedade achegando beneficios tanxibles mediante a incorporación
das novas tecnoloxías. Nos últimos cinco anos o CITIC ten
colaborado en torno a 100 proxectos de transferencia tecnolóxica.
-Como
se leva o coñecemento xerado polo centro que vostede dirixe á
sociedade e ás empresas? Como se soluciona no CITIC a suposta falta
de comunicación entre universidade-empresa que os máis críticos
din que unha das grandes eivas do sistema de investigación galego?
-O
que realmente importa tanto á Universidade como á empresa é obter
novas ferramentas de innovación para poder mellorar os niveis de
produción. A Universidade é unha fonte de talento e coñecemento
que as empresas han de ter en conta, unha gran parte do futuro
empresarial encóntrase no presente universitario, non só polos
estudantes que tarde ou cedo pasarán a formar parte das empresas;
tamén polos proxectos de investigación que se realizan dende ela ou
en centros como o CITIC. Dende o CITIC temos unha comunicación
constante co tecido empresarial galego e nacional, ademais de con
diferentes organismos institucionais. Participamos en eventos ou
foros nos que presentar os nosos proxectos, ademais de organizar
cursos, talleres e xornadas orientadas a empresas e investigadores
para que coñezan de primeira man os proxectos que se están levado a
cabo e as súas diferentes aplicacións. Recentemente participamos en
Transfiere, o foro máis importante en España do sector I+D+i que
desenvólvese en Málaga e no que mantivemos diferentes reunións coa
administración andaluza en torno ás SmartCities. En definitiva,
adoptamos unha actitude dinamizadora e proactiva respecto á
transferencia de tecnoloxía, tratando de implicarnos e implicar ás
empresas de noso arredor en todas as oportunidades que xorden.
-Cantos
investigadores traballan a día de hoxe ligados ao centro coruñés?
Proceden do ámbito público ou tamén do privado?
-Na
actualidade no CITIC traballan máis de 200 investigadores dos
sectores público e privado distribuídos entre 12 áreas
tecnolóxicas de actividade e 11 grupos de investigación.
-Avalíenos
o estado de saúde actual do CITIC. Igual que se lle tomásemos o
pulso. Podemos dicir que haberá CITIC para rato?
-Por
suposto. Malia que aínda queda moito camiño por percorrer, a
innovación recoñécese como unha vía de mellora para as empresas.
Por un lado, os investigadores estamos moi concienciados da
necesidade de poñer os resultados da nosa investigación en práctica
ao servizo da sociedade, e tamén as empresas son cada vez máis
conscientes do enriquecedor que resulta a colaboración con centros
de investigación e universidades. Neste sentido, o papel de centros
como o CITIC é, sen dúbida, cada vez máis importante. E por outro,
resultan moi positivas e fundamentais certas accións por parte a
Administración, como a recente creación da GAIN, as convocatorias
Innterconecta ou a Compra Pública Innovadora, que se encargan de
recordarnos a importancia desta colaboración.
-Que
destacaría, brevemente, do ano que vimos de deixar atrás en materia
de Investigación e Desenvolvemento xurdida do centro que vostede
dirixe? De que exemplos concretos de proxectos do CITIC cre que
debemos sentirnos orgullosos as galegas e os galegos?
-En 2012 todos os grupos de investigación que integran o CITIC tiveron unha grande actividade, desenvolvendo un gran número de proxectos que presentamos a empresas e administracións e que recibiron unha grande acollida. Por exemplo, presentamos 25 solucións innovadoras para as iniciativas InnovaSaude e H2050 promovidas polo SERGAS co fin de cubrir as necesidades actuais e futuras do sistema sanitario galego. Entre estas propostas encóntranse monitorizacións activas, sistemas intelixentes para a detección precoz de enfermidades crónicas ou sistemas de e-dinamización para a promoción e seguimento de vida saudable. Tamén habemos de destacar algúns dos proxectos do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) como a patente que obtiveron en Estados Unidos do proxecto SIRIUS que estuda a microcirculación retiniana ou o proxecto do grupo LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial) que bota luz ao diagnóstico da apnea do sono. Recentemente o Concello da Coruña fixo público a resolución do concurso sobre SmartCity no que participaremos activamente dentro do consorcio de empresas que resultaron adxudicatarias; de feito, xa estamos a levar a cabo iniciativas nesta liña como o PIMUS, Punto de Información Intelixente para a Mobilidade Urbana Sostible, presentado como proxecto piloto para o Concello da Coruña. Sen ser un proxecto de investigación, tamén me gustaría destacar o I Fórum Colaboración Universidade-Empresa: Oportunidades de financiamento en I+D a empresas TIC que organizamos dende o CITIC, encontro no que participaron 80 representantes de 50 empresas do sector TIC, Centros Tecnolóxicos e grupos de investigación.
-En
que áreas de traballo poderíamos dicir que destaca o Centro? É
certo que a e-Saúde é un dos seus puntos fortes?
-Pola
diversificación que presentamos nas nosas áreas de actividade
resulta complicado destacar unha por enriba doutra, algunhas delas
son máis vistosas porque teñen unha repercusión máis social como
pode ser o ámbito da saúde, algo que nos afecta a todos. En total
as nosas áreas de actividade son:
-
Busca e Recuperación de información para a empresa e a
administración
-
Integración de aplicacións e Información
-
Intelixencia Artificial e Aplicacións
-
Matemática Aplicada e Estadísticas e Investigación Operativa
-
Media en Rede e Fogar Dixital
-
Métodos de Usabilidade e Validación de Sistema
-
Procesado de Imaxes Dixitais
-
Sistemas de Comunicacións Sen Fíos
-
Sistemas de Información en Web
-
Sistemas de Información Xeográfica
-
Sistemas Distribuídos e Arquitecturas orientadas a servizos
-
Supercomputación ou Computación de Altas Prestacións (HPC)
E
as súas aplicacións son múltiples, dende a saúde que
comentabamos, ata buscas de información, predición de risco de
incendios, a domótica ou a trazabilidade.
-Cales
son os obxectivos do CITIC no que respecta ao desenvolvemento galego?
Credes que tendes algo que aportar para sacar á nosa terra do furgón
de cola da Unión Europea?
-Nun
panorama como o galego, onde a maioría das empresas son microPEME
que non se poden permitir manter departamentos de I+D, o CITIC pode
xogar este papel e axudarlles a producir solucións innovadoras que
as fagan diferenciarse das demais. O noso compromiso coas empresas
galegas é máximo, aínda sendo conscientes de que é necesario
moito traballo para que se produza unha colaboración fluída e
continua entre empresas e centros de investigación. Aínda quedan
moitas empresas que descoñecen que esta relación pode ser fonte de
éxito, e que neste labor de concienciación e de darnos a coñecer
traballamos cada día.