O CITI organiza este xoves unha xornada de portas abertas

martes, 10 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A ciencia e a tecnoloxía, en contra do que moitos poden pensar, non están aí para que o resto da sociedade fique á marxe dos seus desenvolvementos e dos seus logros. De feito, nunca fica á marxe: todas e todos nos beneficiamos deses achados en última instancia, o que ocorre é que apenas sabemos nada de quen é responsable deles, dos métodos para chegar a eles e dos lugares onde se fixo todo o posible para chegar a eles. Dito doutro xeito: pode que teñamos moito coñecemento sobre a meta, pero os camiños que levaron a ela fican case na escuridade. Coa Semana da Ciencia que comezou onte quérese poñer freo a esta falta de conexión entre investigadores e cidadáns de a pé, e dentro desta liña sitúase o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo (con sede na Tecnópole).
Máis polo miúdo, a súa achega consiste basicamente en facerse ver e en saírnos ao paso. Coa xornada de portas abertas deste xoves, o CITI quere dar acubillo aos profesionais dos centros e institucións ligados a seu ámbito de traballo pero tamén a calquera persoa interesada en coñecer o seu funcionamento e instalacións.
A visita, na que participarán representantes de cámaras de comercio, organizacións de empresarios ou representantes de centros de investigación e facultades, comezará polas instalacións da planta piloto do CITI (orientada á investigación aplicada e ao escalado de procesos tecnolóxicos) onde se dará conta das características do equipamento, para logo proseguir ao longo dos laboratorios de investigación e rematar cun itinerario a través das diferentes salas de uso común do edificio.
Por certo que un dos grandes obxectivos do centro (posto a andar en 2005 pola Universidade de Vigo) é precisamente o de servir de canle de unión entre os órganos de investigación do Campus e o tecido empresarial do seu contorno. Entre os equipamentos específicos e xenéricos, o edificio dispón (amais do devandito) dunha sala escura para proxectos de realidade virtual, dun animalario e espazos para o uso común como as plantas técnicas ou os almacéns.

PUBLICIDADE